Saturday 27 de April de 2024

Volve o circuíto de carreiras saudables CorreSan que neste 2024 incorpora unha nova proba no barrio de Conxo


A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou esta mañá en rolda de prensa o circuíto de carreiras saudables CorreSan, que este ano chega á súa décima edición e suma unha proba máis ao calendario: en total serán cinco carreiras. Na rolda tamén estiveron Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo; Javier Nicolás Blanco, xerente do Centro Comercial As Cancelas; Miguel Anxo Nogueira; representante do Club Atletismo Noitebra; e Joao Fernández, presidente do Club Atletismo Santiago.

A décima edición do circuíto de carreiras saudables de Santiago CorreSAN 2024 constará de 5 probas que se disputarán entre os meses de maio e outubro de 2024. No mes de decembro celebrarase a xa tradicional carreira San Silvestre que “aínda que non forma parte deste circuito, dá continuidade á práctica deportiva durante o ano”, sinalou a edila de Deportes.

A primeira cita será o 11 de maio, sábado da Ascensión, coa CorreSan Ruta da Prata-Angrois, á que lle seguirá a nova carreira do calendario, a do barrio de Conxo, o 1 de xuño. A nocturna pola cidade vella terá lugar o 6 de xullo e, xa á volta do verán, retomarase o programa coa ruta dos parques (15 de setembro). O 13 de outubro terá lugar a última proba, a do barrio de San Pedro.

Como sinalou a concelleira, “o circuíto CorreSan representa unha iniciativa que traslada o deporte ata os barrios e zonas onde normalmente xa se practican diferentes deportes, en especial o atletismo”. Lueiro animou a toda a veciñanza a tomar parte deste proxecto “que continúa adiante por décima vez, polo interese municipal en promover a práctica libre do deporte na cidade de Compostela”.
O presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, agradeceu a implicación do Concello “grazas á cal podemos sumar unha carreira máis sen incrementar o prezo da inscrición” e a de todos os patrocinadores e colaboradores. Sanmartín sumouse ao chamado da concelleira e animou a seguir aumentando a participación co obxectivo de chegar ás 5000 persoas inscritas.

Inscrición aberta

A inscrición xeral no circuíto CorreSan (nas 5 probas) abre hoxe, venres 22 de marzo, ás 11:00 horas e pechará o mércores 8 de maio ás 23.59 horas. Abrirase un 2º prazo antes da carreira CorreSan Barrio de Conxo.

En cada proba haberá un percorrido para escolares das categorías sub 10 e sub 12, un percorrido para as categorías sub 14 e sub 16, e outro para adultos a partir da categoría sub 18. As probas comezarán de xeito habitual polas probas de escolares e rematarán coa disputa da proba de adultos.

Os horarios e circuitos das carreiras estarán expostos na páxina web www.carreirasgalegas.com e estarán baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, empregando o sistema de chip-dorsal que deberá conservarse durante o transcurso do circuíto para os atletas que se inscriban nas 5 probas na modalidade de circuito, e poderá desbotarsee no caso de atletas que só se inscriban a unha proba independente.

O circuíto estará aberto á participación de calquera deportista habitual ou eventual que desexe acceder á práctica libre do exercicio físico nos diferentes contornos da cidade. A participación poderá ser individual ou formando parte de equipos, tanto federados como populares. Os escolares poderán a maiores formar grupos por centros.

O Circuíto de Carreiras Saudables CorreSAN 2024 está organizado pola Federación Galega de Atletismo e patrocinadas polo Concello de Santiago de Compostela a través do seu departamento municipal de deportes.